Saturday 27 de April de 2024

Riveira será sede das finais do Campionato Galego de Boxeo en Categoría Élite


O EVENTO ESTARÁ FORMADO POR NOVE COMBATES: AS NOVE FINAIS MÁIS O DEBUT DO RIVEIRENSE JOSÉ ANTONIO SOBRADO SOBRE O RING

Riveira vai dar cabida o vindeiro 26 de marzo ás finais do Campionato Galego Boxeo Élite. Serán un total de nove combates os que se disputen no polideportivo da Fieiteira para dirimir os vencedores en cada un dos pesos presentes (dende 52 ata máis de 91 kilos) aos que se sumará un décimo enfrontamento a título afeccionado que representa o debut sobre o ring dun deportista local: José Antonio Sobrado Silva.

O evento foi presentado esta mañá no Centro Lustres Rivas polo concelleiro de Deportes, Anxo Orellán; o presidente da Federación Galega de Boxeo, Manolo Planas; Israel Bemítez como representante da Escuela de Boxeo El Canario e impulsor da velada; e o propio Sobrado Silva.

Planas destacou o altísimo nivel dos combatentes ata o punto de calificalos posiblemente como as “finais máis competitivas da historia do campionato galego”. O certame (que vén a ser a IV Velada de Boxeo Cidade de Riveira) arrancará ás 22 horas e espérase superar folgadamente o medio milleiro de afeccionados que adoitaban concorrer en convocatorias anteriores.

Os prezos son de 9 euros en cadeira e 7 en grada se se adquiren anticipadamente (un euro máis no propio recinto da competición).

Cada combate estará formado por tres asaltos de tres minutos cada un. Os boxeadores non levarán casco de acordo coas novas normas que rexen a categoría olímpica.

José Antonio Sobrado amosouse moi animado por poder debutar e espera facer un bo papel no seu combate.